A PRAIA DE SADA: HISTORIA E REALIDADE ACTUAL

Rafael Carballeira

A poboación de Sada asentada nunha ampla chaira costeira desenvolveuse e creceu ligada ao mar, encadrándose nun marco paisaxístico que comprende o tramo litoral entre Ponta Fontán e Corbeiroa onde se asentan sendos castelos que custodian a entrada a vila mariñeira, tal e como ben describe o propio escudo do concello de Sada. 
A situación de Sada no litoral, que historicamente constitúe un dos principais activos da economía galega (Carré-Aldao, 1936; Grandío-Dopico, 2005), posibilitou un grande desenvolvemento socioeconómico no último medio século pero, ao mesmo tempo, conlevou unha grande transformación paisaxística como resultado das mesmas actividades económicas: a creación de infraestruturas de tipo portuario e comercial, o propio crecemento urbanístico, e finalmente un modelo turístico centrado exclusivamente na praia. 

Neste contexto a praia de Sada é o elemento principal asociado a imaxe da propia vila e o seu litoral, e xa dende antigo tal e como evocan as referencias literarias da vila de Sada nas obras da condesa Emilia Pardo Bazán, recoñecida baixo o sobrenome de “Areal”1):

El seno arealense, inmenso, color de turquesa a tales horas, ondeaba imperceptiblemente, estremecido al retozo del aire. La playa se extendía lisa, rubia, polvillada de partículas brilladoras, cuadriculada a techos por la telaraña sombría de las redes puestas a secar, y festoneada al borde por maraña ligera de algas. A la parte de tierra la limitaba el parapeto granítico del muelle, conteniendo el apretado caserío, encaperuzado de cinabrio.” (La Quimera, Cátedra, 1991); “La fábrica de salazón se asentaba al borde de la playa, la extensa playa orgullo de Areal, que rodean malecones de mampostería y sillería, formando un paseo frecuentado por marineros, chiquillería oliente a saín, y pescadoras con cestos de sardina en equilibrio sobre la cabeza. (Finafrol, Obras completas, VI., Fundación José Antonio de Castro, 1999).

Nome escollido pola Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo para designar a revista cultural Areal que ten como misión ofrecer aos cidadáns unha visión integradora da realidade do concello de Sada2, e dedicada aquí á comprensión do elemento que lle dá nome.

A esta mesma visión que nos ofrece Emilia Pardo Bazán sobre a praia e paisaxe de Sada podemos acceder a través da comparación da fotografía existente da vila de Sada en 1910, reproducida na figura 1, e obtida todavía no tempo de vida da escritora coa destacada a ausencia do edificio da Terraza. Tamén a fotografía aérea de 1945 (Fig. 2), de grande correspondencia coa imaxe de 1910, permite achegarnos dende perspectivas diferentes e completar a visión sobre o mesmo espazo en tempos diferentes, por tanto, corroborando as condicións de referencia da praia e o trazado natural do litoral previo á intervención antrópica algunha.
Figura 2. Fotografías aéreas comparativas do tramo litoral de
Sada comprendido entre Ponta Corbeiroa e Fontán (baixamar) en 1945 e 2014 respectivamente4.
Imaxes xeorreferenciadas co software de información xeográfica ArcGIS 9.0, comparadas na mesma escala espacial.
A fin de poder aglutinar a realidade múltiple da praia de Sada e súa transformación recente a partir das condicións de referencia realizáronse unha serie de traballos científicos e históricos neste senso. Os seus resultados permitirán ter unha mellor comprensión obxectiva da evolución da praia e a paisaxe de Sada. E incluso ter un criterio real e avaliar ás intervencións acaecidas e futuras sobre esta paisaxe, tanto na dimensión natural coma socioeconómica, pois é imposible a interpretación do medio natural actual sen integrar a dimensión humana (Margalef, 1997).

Aquí exporanse unha serie de conclusións parciais de interese xeral, e que serán completadas mediante a exposición dos resultados íntegros nunha serie de Cadernos de Estudos Locais da Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo.

Neste senso, é salientable a información aportada pola recompilación de fotografías históricas e das series históricas de fotografía aérea que permiten seguir a evolución recente da praia de Sada (1910-2016).

Unha praia é un depósito sedimentario que presenta un equilibrio dinámico entre procesos erosivos e sedimentario nos que interactúan múltiples factores ambientais, pero sobre os que predominan fundamentalmente a acción das ondas e a corrente de deriva que xeran, neste caso en sentido de Ponta Fontán a Corbeiroa.

Ao realizar unha comparativa entre o litoral nas súas condicións de referencia e as actuais (Fig. 2), advírtese inmediatamente un importante retroceso da liña de costa debido a construción de infraestruturas e superficies de recheo entre o Fiunchedo e Ponta Fontán, relacionadas con actividades portuarias, comerciais e recreativas.

Na evolución das series históricas de fotografía aérea pódese observar como a paulatina perturbación antrópica nesta zona, augas arriba da deriva litoral, conleva un efecto de sombra augas abaixo que implica unha progresiva diminución da incidencia, altura das ondas e as correntes de deriva augas abaixo onde se localiza a praia de Sada.

Este efecto de sombra progresivamente acentuado no tempo conlevou unha menor enerxía de acción das ondas sobre o litoral, e resultou nunha maior progresión dos fangos cara o litoral, o que outorgou unha maior superficie de asentamento para as praderías de Zostera L. no intermareal da praia de Sada, e que tamén se atopan amplamente distribuídas nas zonas fangosas da ría de Betanzos

Tamén este efecto é consistente coa evolución do delta na desembocadura fluvial no que se aprecia a evolución dunha morfoloxía en escudo, maioritariamente composta por areas, máis propia dunha costa dominada pola acción das ondas e a deriva litoral (1945, Fig. 2) a unha morfoloxía estuarina típica dunha costa dominada pola acción das mareas (2014, Fig. 2). 

Por outra banda, puido cuantificarse e seguirse a superficie de praia na series históricas de fotografía aérea xeorreferenciadas, observando cambios de tendencia en función das perturbacións antrópicas. Na actualidade resulta nunha maior superficie de praia que a inicial. Isto, a pesar de non existir constancia directa, é posiblemente debido á intervención antrópica mediante procesos de rexeneración artificial da praia na marxe esquerda da desembocadura fluvial a comezos do século XX, pois non existe ningún proceso xeomorfolóxico baixo a interpretación establecida que permita de forma natural a acrección dun depósito de praia nesta zona. 
Figura 1. Vista xeral da paisaxe litoral de Sada dende a Corbeiroa, tramo en marea baixa que comprende dende a praia de Sada ata a Ponta Fontán en 1910.3 
A estabilidade desta posible praia artificial é compatible coa interpretación do efecto de sombra que impide durante todo o ano a incidencia das ondas e o retraballamento estacional do sedimento e o seu transporte horizontal na ría. Non obstante, a creación artificial de praias e o depósito de areas non afecta a que o intermareal siga dominado por fangos e os impactos urbanísticos teñan unha incidencia moi negativa sobre a paisaxe litoral de Sada, e súa vez no atractivo turístico da vila.
Agradecementos
Sra. María José Carnota, Concelleira de Urbanismo de Sada en 2010.
Prof. Ramón Blanco Chao, Departamento de Xeografía física da Facultade de Xeografía e Historia,
Universidade de Santiago de Compostela.
Prof. Xosé Lois Otero Pérez, Departamento de Edafoloxía e Química agrícola, Universidade de Santiago de Compostela.
Dra. Ángela Alonso Millán, profesora xubilada da área de Estratigrafía do Departamento de Ciencias da Terra e Náutica, Universidade da Coruña.
Referencias bibliográficas
CARRÉ-ALDAO, E. 1936. A Coruña, Tomo I. In: Carreras y Candi F., Geografía general del Reino de Galicia. Imprenta Alberto Martín. Barcelona. pp. 235.
GRANDÍO-DOPICO, A. 2005. Ordenación de los espacios litorales en Galicia. Netbiblo, A Coruña. pp. 223.
MARGALEF, R. 1997. Our biosphere. Ecology Institute, Oldendorf. pp. 176.
1. Emilia Pardo Bazán e Sada, 04/2015. Xornal Mariñán. Asociación de Empresarios de Sada e As Mariñas (http://www.aesada.com/publico/contenidos/contenidos.pl?pagina=xornalmarin); Reproducido por Manuel Pérez Lorenzo, 31/05/2015. Blogue da Asociación Irmáns Suárez Pical l o (http://www.blogoteca.com/acsuarezpicallo/ index.php?cod=136649).
2. Editorial da Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo 2010. Areal, revista cultural de Sada, nº 1: p. 1.
3. Postal panorámica da paisaxe litoral de Sada en 1910, resultado dunha combinación fotográfica triple, e aportada
polas familias Carballeira-Coego e Siso-Carballeira de Meirás.
4. Imaxe de fotografía aérea correspondente ao voo do 07/10/1945 (voo americano serie A) e ortofotografía de 2014 (PNOA). Obtidas na Dirección General del Instituto Geográfico Nacional, do Ministerio de Fomento
(http://www.ign.es).

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *