REPUBLICANAS. NIN VENCINDAS NIN DESARMADAS

Lola Ferreiro Díaz
Lograron quitarnos a liberdade 
pero nunca, nunca, lograron 
arrebatarnos a dignidade.
(Rosita Cremon, enfermeira das 
Brigadas Internacionais [1914-2005])

Van alá 85 anos desde aquel memorábel 14 de abril de 1931. Aquel día, tras o trunfo electoral dos partidos republicanos en 41 das 50 capitais de provincia do estado, proclamouse a IIª República. Pola súa vez, o 16 de febreiro cumpríronse 80 desde que gañara as eleccións do estado unha coalición ampla de esquerdas: a Fronte Popular. Queremos aproveitar a ocasión para recuperar aqueles aspectos menos visibilizados (ou máis invisibilizados) da memoria histórica: as mulleres da República… difícil tarefa a desenvolver en poucas páxinas, que tentarei facer resumindo as cuestións máis relevantes. 
A SITUACIÓN DE PARTIDA 
Para podermos valorar mellor o que a República trouxo en materia de dereitos das mulleres, cómpre termos en conta a situación na que vivía naquela altura. O estado español era, de feito, un dos máis atrasados de Europa en todos os eidos; os dereitos civís estaban seriamente comprometidos pola ditadura de Primo de Rivera e os das mulleres eran practicamente inexistentes. O non recoñecemento do dereito au sufraxio, que se adoita citar como o indicador de desigualdade máis rechamante, era a punta dun iceberg que agochaba unha situación política, económica, laboral, social e familiar insostíbel. 
No 1930, o 85% das familias eran obreiras ou labregas e, nas máis delas, as mulleres traballaban na casa ou na casa e no campo. Nas zonas industrializadas, traballaba aproximadamente un 24% das mulleres (moitas no servizo doméstico), das cales o 80% estaban solteiras ou viúvas. As casadas precisaban do permiso do esposo para traballar e non eran donas do seu soldo, que mesmo podía cobrar el directamente. En moitas empresas despedían as traballadoras se casaban. A diferenza de salario co dos homes era de entre un 40 e un 52% e os subsidios (enfermidade, maternidade, xubilación…) case non existían. A normativa de 1929 sobre descanso e seguro por maternidade incumpríase sistematicamente, ata o punto de que moitas mulleres chegaban a parir no centro de traballo, ao que acudían ata última hora para non perderen o emprego. Asemade, non había prazas escolares abondo, polo que moitas nais non podían traballar fóra da casa e, as que o facían por necesidade absoluta, tiñan que deixar soas as fillas e fillos. 
No que atinxe á saúde, o acceso á asistencia sanitaria non existía ou estaba limitado á ‘atención de beneficencia’, sen medios e con pouco persoal. Moitos dos traballos que realizaban, mesmo durante o embarazo, eran insalubres ou perigosos. A asistencia ao embarazo, parto e puerperio non era profesional e limitábase á intervención da veciña ‘experta’ do barrio ou da vila, e desde logo non tiñan acceso aos métodos anticonceptivos nin ao aborto. Isto, xunto coa falta de asistencia á saúde da infancia, situaba as taxas de mortalidade materno infantil en cotas elevadísimas. 
A prostitución estaba regulamentada e os bordeis cotizaban especificamente ao estado, para a atención médica das chamadas ‘enfermidades venéreas’. 
En materia de educación e acceso á cultura a situación non era mellor. O 44% da poboación maior de 10 anos era analfabeta e caso das mulleres superaba o 55%. Arredor de un millón de crianzas menores de 12 anos estaba sen escolarizar e destas, a maioría eran nenas. O control da igrexa sobre a educación formal afectaba directamente a máis de 350.000 nenas e nenos de primaria e a unhas de 20.000 de ensino superior, que asistían a colexios relixiosos… e indirectamente a todo o resto, xa que había cregos en todas as (poucas) escolas públicas do estado. A escola pública non dispuña de recursos materiais e o profesorado estaba escasamente cualificado e moi mal remunerado. O currículo escolar das nenas era diferente ao dos nenos e tiña que ver coa aprendizaxe dos labores do fogar e o “goberno da casa”. 
Por outra parte, a ‘ciencia’ debatía o tema da sexualidade humana como fonte de pracer, tentando desvinculala da procreación. As posicións máis reaccionarias que continuaban a negar a sexualidade feminina –maioritarias naquela altura- eran rebatidas polas novas achegas teóricas coma as de Sigmund Freud, Margaret Sanger, Emma Goldman e Wilhelm Reich, ou as dos fundadores da ‘Liga mundial para a Reforma Sexual sobre bases científicas’ (Magnus Hirschfeld, Havelock Ellis e Au-guste Forel). 
No que se refire ao contexto político e social, a industrialización -reducida naquela altura a algunhas zonas do estado- trae consigo o xermolo da conciencia de clase, que promove o nacemento e proliferación dos primeiros sindicatos, concretamente da CNT (libertario) e da UGT (socialista), aos que tamén se afilian as obreiras, que non conseguen que se teña en conta a reclamación dos seus dereitos como mulleres e como traballadoras xa que, naquela altura, a idea de que a revolución social ‘ía traer pola man’ a liberación das mulleres era xeneralizada e, en calquera caso, sempre había outros asuntos máis importantes polos que loitar primeiro. 
Porén, xa houbera mulleres en Europa, que pularan pola consecución do recoñecemento dos dereitos de todas, desde a mesma revolución francesa, como Olympe de Gouges, Flora Tristán ou Mary Wollstonecraft. A estas sucedéronlle outras que colleron a testemuña, como as preto de cen asinantas da chamada ‘Declaración de Seneca Falls’, encabezada por Elizabeth Cady Stanton, Lucretia Mott e Susan B. Anthony, no 1848 e, posteriormente, as dos movementos sufraxistas, como Lydia Becker, Emmeline Pankhurst e Millicent Fawcett no Reino Unido, ou Alice Paul, Lucy Burns e Inez Milholland nos EE.UU. de Norteamérica. 
Entrado o século XX, son as primeiras ideólogas socialistas e comunistas as que alertan sobre a trampa que contén a afirmación de que a revolución social liberará as mulleres, sinalando que só a loita específica polos dereitos de todas traerá a dita liberación. Dicía Alecsandra Kolontái, no 1919: “Non abonda coa abolición da propiedade privada e con que a muller se incorpore á produción; é necesaria unha revolución da vida cotiá e dos costumes, forxar unha nova concepción do mundo e, moi especialmente, unha nova relación entre os sexos”. Coma ela, Clara Zetkin, Rosa Luxemburg ou Emma Goldman, entre outras, poñen de manifesto esta cuestión. 
No estado español, Teresa Claramunt Creus, Teresa Mañé Miravet (libertarias) ou Carmen de Burgos Seguí (socialista), coinciden en sinalar que a revolución social non leva aparellada necesariamente a liberación das mulleres, se non se aborda esta con carácter específico. 
A REPÚBLICA E AS MULLERES 
A situación de partida indicaba a necesidade de dar un salto enorme en todos os eidos, para comezar o camiño da democracia … e isto foi o que aconteceu a partires do 14 de abril de 1931, iniciándose o proceso de reformas estruturais máis importante da historia. Isto afectou tamén aos dereitos das mulleres… ao menos na dimensión formal. 
En primeiro lugar, a Constitución da IIª República recolle, no seu artigo 36 que: “Os cidadáns dun e doutro sexo, maiores de vinte e tres años, terán os mesmos dereitos electorais conforme determinen as leis”, recoñecendo así o dereito das mulleres ao sufraxio. Das tres deputadas que había nas Cortes, Clara Campoamor Rodríguez, Victoria Kent Siano e Margarita Nelken Mansberger, só Clara Campoamor defendeu esta cuestión sen fendas, mentres Victoria Kent propoñía adiar o recoñecemento do dereito e tomar medidas para que as mulleres puideran votar libremente, sen a influencia dos cregos e dos maridos, e Margarita Nelken estivo ausente dos debates. 

Victoria Kent e Clara Campoamor, deputadas no Congreso (Las Provincias, 02/07/1931) Na imaxe que abre este artigo, A dixirente anarquista Federica Montseny (Solidaridad Obrera, 07/12/1938)

Unha das apostas máis fortes da IIª República é a educación. Desde maio de 1931, as escolas pasan a ser mixtas, os currículos e planos de estudos son iguais para nenas e nenos, e a relixión desaparece como materia. Proxéctase a creación de 27.000 escolas primarias, a razón de 5.000 por ano, e auméntanse en 10.000 as prazas de mestras e mestres ‘republicanos’ -con cualificación profesional e capacidade para inculcar nos centros educativos os valores democráticos-. En cada escola hai unha biblioteca, con sistema de préstamo de libros, tamén para persoas alleas, e créanse as cantinas escolares, que garanten comida quente para as crianzas todos os días. Por outra parte, constitúese o Padroado das Misións Pedagóxicas, para alfabetización e instrución de persoas adultas. 

En canto aos dereitos laborais, colle destacar a instauración dun permiso remunerado de dez semanas por maternidade, a prohibición de que as mulleres embarazadas realicen traballos insalubres ou perigosos, e a obrigatoriedade de readmitir, con efectos retroactivos, a todas as traballadoras despedidas por teren casado. 

Tamén a nivel xurídico saíron beneficiadas as mulleres. Desaparece do novo Código Penal o adulterio e o amancebamento, que pasa a penalizar do crime por adulterio. En materia de dereito civil cómpre salientar a Lei de Matrimonios Civís, a inscrición no rexistro civil dos fillos e fillas ‘naturais’ -excluíndo as alusións a esta condición nas certificacións-, e a equiparación de dereitos coas habidas dentro do matrimonio. A Lei do Divorcio, por mutuo acordo ou por causa xusta, que se situou entre as máis avanzadas de Europa. 

No eido da saúde créase a Sección de Hixiene Infantil, para a prevención da mortalidade materna e infantil e o fomento da hixiene perinatal e preescolar, e tamén a Sección de Hixiene Social e Propaganda, para a prevención de ‘enfermidades venéreas’ e sexuais, entre outras). Póñense en marcha a Escola de Matronas e a Escola Nacional de Puericultura, profesionalizando así a asistencia social, médica e hixiénica das mulleres xestantes e das criaturas. 

Por outra parte, disólvese o indigno Padroado Real para a Represión da Trata de Brancas, suprime o imposto que pagaban os bordeis para a atención médica ás mulleres prostituídas e créase o Padroado de Protección ás Mulleres, en cuxa xestión están elas mesmas representadas. 

Malia o retroceso que supuxo o goberno da dereita, coñecido como o ‘bienio negro’, que bloquea parte do aparato lexislativo referido, o empeño da esquerda, co apoio das e dos traballadores consegue consolidar un pacto político que cristaliza na formación da Fronte Popular, que gaña as eleccións en febreiro de 1936, devolvendo o talante democrático ao goberno do estado. 


AS MULLERES E A REPÚBLICA 

Pero tantos séculos de represión e de alienación non se podían resolver soamente cun aparato lexislativo, por moi contundente que este fose. Había que facer un labor de concienciación moi importante… e foron as propias mulleres da esquerda as que o desenvolveron. Proliferaron as organizacións dentro e fóra dos partidos políticos e fóronse estendendo por todo o estado. Destacamos a Unión de Mulleres Antifascistas (UMA), vinculada ao PCE, que chegou a contar con unhas 200.000 afiliadas e Mulleres Libres (MM.LL.), formada por mulleres do eido libertario, que chegou a contar con unhas 28.000 afiliadas. En realidade, non podemos dicir que a UMA fora unha organización feminista, senón máis ben unha organización de mulleres. Pola súa vez, MM.LL. foi feminista desde a súa fundación por Amparo Pochi Gascò, Lucía Sánchez Saornil e Mercedes Comaposada Guillén, cun programa político avanzadísimo, que incluía todos os dereitos pendentes de conseguir, mesmo os sexuais e os interpersoais, dentro das relacións de parella e intrafamiliares. Entre os seus (moitos) logros citamos a creación dos chamados ‘Liberatorios de prostitución’, dos dispensarios para información sobre métodos anticonceptivos e a introdución da educación sexual nas escolas. Asemade, foron as ideólogas da ‘Lei de Interrupción Artificial do Embarazo’, promulgada pola Generalitat de Cataluña en decembro de 1936, máis avanzada cá que hoxe está en vigor. 

No 1936, Federica Montseny Mañé, libertaria e militante da FAI, entra no Goberno presidido por Francisco Largo Caballero como Ministra de Sanidade, desenvolvendo un inxente labor, entre o que destaca a Lei de protección á maternidade, a universalización da asistencia sanitaria, os centros de loita antivenérea, os centros contra o uso de estupefacientes, as casas para persoas cegas e as residencias para persoas anciás. Asemade da redacción do anteproxecto de ‘Lei de Interrupción Artificial do Embarazo’, similar ao de Cataluña, para aplicar en todo o estado. 

En suma, ao abeiro das leis da República e co pulo das feministas organizadas pretendíase un cambio radical nos valores, nas actitudes e nos costumes. Foron milleiros e milleiros as mulleres que loitaron a prol dunha vida mellor, da democracia e da liberación de todas. Nesta achega recupéranse unhas poucas, ás que quero engadir unha mención especial e directa ás mulleres da familia Landa, nomeadamente a Luísa Viqueira Landa (1918- 2014), cuxos restos foron traídos de México o ano pasado, para ser soterrados no cemiterio de Ouces. 

Luísa era filla de Johán Vicente Viqueira Cortón, filósofo galeguista e presidente das Irmandades da Fala de A Coruña, e de Jacinta Landa Vaz (Chachita, chamábanlle na familia), pedagoga vinculada á Institución Libre de Ensinanza (ILE), e sobriña de Matilde Landa Vaz, licenciada en CC Naturais, vinculada tamén coa ILE e responsábel da reorganización do PCE en Madrid tras a entrada das tropas fascistas na cidade. Se o pai de Luísa lle inculcou o amor pola terra, polo idioma e pola cultura galegas, a familia materna contribuíu de xeito decisivo a que forxara o seu espírito libre, democrático e laico, que xa viña desde a xeración anterior. 

Tras a morte do pai, no 1924, a familia trasládase a Madrid e alí súa nai traballa a reo para criar as fillas e fillos. Desde entón só veñen pasar o verán á terra. De feito, cando se produciu o golpe de estado, a familia estaba a pasar o verán en Ouces. Luísa tiña 17 anos. 

Agocháronse entón na casa de Vixoi onde lograron protexerse ata que, nove meses máis tarde, fuxiron a Francia. De alí pasaron a Barcelona, onde Luísa, Jacinta e Matilde desenvolveron unha enorme actividade de apoio en hospitais de sangue e nos centros de acollemento para crianzas. A propia Luísa desprázase a Albacete para se facer cargo dunha colonia escola. Posteriormente viaxa á URSS para facer de mestra dos nenos e nenas evacuadas. Luísa xa non volve a España, tomada polos fascistas. Vía Helsinki, chegou a Londres, onde se reuniu coa súa familia para emprender o camiño do exilio. Só ficou Matilde, detida en Madrid o 12 de abril. Finalmente, despois dun auténtico periplo instaláronse en México. 
Delegación española na Conferencia pola Defensa da Infancia (1952). A primeira pola dereita é Luisa Viqueira (Mujeres españolas. Boletín de la Unión de Mujeres Antifascistas Españolas en México, 05/1952)
Na imaxe superior: Matilde Landa (Cultura y Democracia, 01/03/1950)
A militancia de Luísa no PCE remóntase aos anos da guerra, e continúa en México, onde desenvolve tarefas de axuda ás persoas exiliadas, contribuíndo a crear unha auténtica comunidade. En 1949 o seu compañeiro Rafael Rodríguez, tamén militante do PCE, é asasinado dun tiro na cabeza e Luísa ten que tirar para diante e criar soa tres fillos de curta idade, o cal non lle impide continuar coa súa actividade política e cultural. Participaba no programa de radio La hora de Galicia, que transmitía en galego; ensinaba música, baile e cultura galega ás nenas e nenos exiliados, e nos anos 50’ fundou, xunto a Luís Soto, o Padroado da Cultura Galega, desde o que editan a revista Vieiros. 

Luísa Viqueira e Luís Soto fóronse afastando das teses do PCE e achegándose ao nacionalismo, ata abandonar o partido para participar na fundación da UPG no 1963. No 1965 comezan a editar en México a revista Terra e Tempo

Luísa militou toda a súa vida. Foi comunista e nacionalista, xenerosa e solidaria. Volveu ao país unha soa vez, no 1979, pero non quixo quedar, porque estaban sen pechar as feridas causadas polo fascismo… a día de hoxe continúan abertas. 

Finou en México, 3 de outubro de 2014. Os seus restos repousan no cemiterio de Ouces, xunto aos de seu pai, desde o ano pasado. 



A LEALDADE DAS MULLERES CARA A REPÚBLICA… 

En abril de 1939, o fascismo, instalado xa en todo o estado, quere arrincar a República de raíz… e as mulleres republicanas representaban un serio perigo para esta finalidade, así que tiña que acabar con todas elas dun xeito ‘exemplarizante’, aterrorizando a todas as demais, cousa que fixo do xeito máis sanguinario e máis cruel posíbel. Elas sufriron a represión en todas as súas modalidades; igual cós homes, foron fusiladas, paseadas, torturadas de mil maneiras, encarceradas, espoliadas dos seus bens e obrigadas a marchar ao exilio pero, asemade, sufriron ‘castigos’ peculiares, para que pagaran cara a liberdade que construíran e para que souberan quen mandaba. Foron abusadas sexualmente nas comisarias, nos cuarteis da Falanxe e nos cárceres, peladas e tatuadas coas iniciais das súas organizacións na fronte, obrigadas a beber aceite de rícino e paseadas desta guisa polas vías públicas, ou obrigadas a fregar o chan das igrexas, axeonlladas, cun cartel nas costas no que se lía ‘POR ROJA’. As súas criaturas fóronlle roubadas nas prisións e entregadas a familias afectas ao novo réxime. 

Querían dobregalas e non o conseguiron. Seguiron loitando mesmo desde os cárceres: organizáronse, desenvolveron accións de protesta e de denuncia, levaron a cabo planos de fuga, algúns deles con éxito; montaron escolas, lograron que parte da roupa que cosían nos obradoiros, como ‘escravas de Franco’ fora parar directamente á guerrilla. Desde a rúa apoiaron os presos e as presas, axudaron a fuxir a persoas perseguidas, e contribuíron de xeito decisivo ao desenvolvemento da resistencia armada, facendo de enlaces e protexendo a xente que andaba polo monte, e mesmo empuñando o fusil. 

A día de hoxe, mullerazas como Luísa Viqueira Landa, Matilde e Jacinta (Chachita) Landa Vaz, e tantas outras, seguen invisibilizadas polas institucións e os poderes públicos, e ocupando un segundo plano nos procesos de recuperación da memoria histórica. 

Malia todo isto, non renegaron das súas ideas nin da súa loita. Sempre estiveron na primeira liña, mesmo nas condicións máis duras. Non lograron nin vencelas, nin desarmadas. 


A República consiste en darlle aos homes os seus dereitos, nada máis… e en darlle ás mulleres os delas, nada menos! 

Elizabeth Cady Stanton (1930) 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *