LÚA E REDE

Vanesa Santiago Vázquez
En lembranza de Manuel González Recamán, o meu tío

Véxote entre as redes,
sentado, cadeira que ranquea,
parolando tan alleo a min
e tan alegre.
Non estás so, ben sei:
Agarimas a lúa.
O teu sorrir despraza
o refluxo dos mares.


Tras o cristal opaco
dos teus lentes de pasta
xogan a debuxarse
dúas sombras familiares.
Coñézoas, ben sei:
Arrólame a esperanza,
a túa certeza danza.
Unha vez e outra vez
e outra máis a te ver.
Óllote amorriñada…
Pregúntoche: non ves?
Foi onte que te vin,
e crin que non me viras.
Unha onda molla súbita
o camiño das redes.
Ladra cadela fiel
que escapa das túas mans.
Olleite, olláchesme
coa túa risa mariña!
Hoxe abriu, sacrílega,
algún tipo de cantina
sobre as túas redes.
Teus antigos colegas
partiron a outros portos.
A cantina ri e ri:
no te verei xa máis
parolando entre as redes.
Qué importa o cemiterio
se só hai ósos baleiros.
E pasando de longo,
navegando tan triste,
escura e abatida,
cortiza e rede!, vinte
de soños nun limiar
que espertaron ao mar

ao berro de: lúa chea!

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *