A FEIRA DE ED‐MUNDO. O HUMOR EN MIGUEL DE CERVANTES

Edmundo Moure Rojas

“Los ojos fueron las lenguas que descubrieron sus alegres y honestos pensamientos”
(M. de Cervantes)

“El auténtico humor puede ser risueño, pero nunca optimista”
(Micaela Souto)

A miña amiga Julia Gil, de orixe rioxano, repróchame, con ironía non exenta de amabilidade, o meu excesivo prurito galeguista… – Segundo ti, -dime, ata o mesmísimo Adán sería de ascendencia galega… -Abofé –respóndolle, e Eva era catalá, e así está de revolto e complicado o mundo. 

-Claro, e Colón e Cervantes…, nin falalo – retrúcame ela. 

Fóra de bromas oo brincadeiras, o certo é que os galegos buscamos, a miúdo de xeito compulsivo, afirmar a nosa identidade, que é como procurar raíces sólidas de sustentación na vida, partindo por unha historia que non foi moi feliz para os fillos do Finisterre do Noroeste, se nos remontamos ás orixes da lingua galaico-portuguesa, ao Reino de Galicia e á escisión xeográfico-política do Portugal que parece estar sempre agardándonos, ao sur do caudaloso Miño… Ao longo dos séculos, o galego viuse impelido a abandonar a súa terra de minifundios e de costas bravías, cunha maleta de cartón e moito humor no espírito. Como os hebreos da diáspora, fixérono con resolución, aprendendo a rirse de si mesmo e a enfrontar aos outros, máis coa arma da ironía que con recursos violentos ou letais. 
Na amixe que abre este artigo, Don Quijote lendo nun grabado de G. Doré. Nesta imaxe, A morte de don Quijote noutro grabado de G. Doré
Ben sabemos que o galego ostenta un particular sentido do humor, espontáneo, contraditorio e nada xocoso, pois nel palpita unha sorna burlona e escéptica, coñecida como retranca. Trátase dunha versión distinta á vea humorística dos ingleses, para nosoutros algo fría e racional, que xoga sempre co paradoxo sutil e a distancia entre a realidade cotiá e a aspiración tradicional proxectada cara a grandeza de horizontes, desde a perspectiva do insular por antonomasia. 

A época en que o Manco de Lepanto creou a súa su obra literaria foi, esteticamente falando, a do Manierismo, movemento ou estilo que precedeu ao Barroco. Aínda prevalecía o concepto de humor renacentista, cuxos elementos constitutivos eran o enxeño cortesán, a sátira e os goces epicúreos da vida, o que requiría dun modo de rir coherente con aqueles valores e expectativas. Mais Cervantes, como noutros eidos da creación literaria, traspasa os canons daqueles moldes ou convencións, para dar inicio ao que coñeceremos como o sentido do humor moderno, que suscita máis un sorriso que unha gargallada. 

Podemos soster que Cervantes foi un grande humorista das letras e que na súa obra se aprecian, tanto os trazos do humor hebreo, como sinais inequívocos da retranca galega, patentes en moitísimas situacións de El Ingenioso Hidalgo Don Quijote de La Mancha, en especial, na estrutura e desenlace dos diálogos, onde o paradoxo alterna co escarnio e a chanza, para impoñer, á fin, a piedade conmiserativa… 

E así exprésao: “Para componer historias y libros de cualquier suerte que sean, es menester un gran juizio y un maduro entendimiento; dezir gracias y escrivir donaires es de grandes ingenios…” 

Se Don Quijote de La Mancha é un libro burlesco sobre o tópico da cabaleiría, segundo declara o seu propio autor, as situacións humorísticas van máis alá de sucesos de espectacularidade risible ou grotesca, aflorando desde a linguaxe dual de Don Quixote e Sancho, nun coloquio que vai intercambiando entre ambos personaxes a caracterización dos diálogos, para culminar nun virtual intercambio de papeis e vontades, mentres o derrotado cabaleiro renuncia á busca de fazañas e Sancho exhórtao a novas aventuras. 

O humor é tamén un antídoto contra a desesperanza e o fracaso, elementos presentes, tanto na vida como na arte da escritura. Fronte á pouta inevitable da decrepitude, os soños de grandeza e as ambiciones de toda caste van esfumándose ata volverse sombras e cinza. Fronte a iso, hai dous camiños: sentir a derrota como unha traxedia sen remedio ou observala coa sabedoría que outorga o prisma dun humor que se volve, co paso dos anos, actitude reflexiva e irónica consigo mesmo: a verdade do espello cóncavo, concluiría don Ramón del Valle-Inclán, un dos nosos máis serios humoristas. 
Se ben o propio autor e os seus contemporáneos definían a novela como “de asunto cómico”, El Ingenioso Hidalgo foi obxecto durante moito tempo de dúas interpretacións, que tiñan máis que ver co tipo de destinatario ou lector de circunstancias que co miolo do texto. Para o vulgo, as vicisitudes do Cabaleiro da Triste Figura e do seu oufano escudeiro, as escaramuzas truncadas, as anécdotas xocosas e mesmo ridículas, os accidentes ou tropezos debidos, sobre todo, á recorrente torpeza do espigado amo, eran obxecto de entretemento e risa, baixo os simples presupostos da picaresca, pasatempo de praza para as multitudes. (O seu equivalente de hoxe é a “televisión aberta”). Para os príncipes, nobres, letrados e estudosos, estaban as ensinanzas e sentenzas que podían extraerse do seu argumento traxicómico, pero sobre todo, do drama serio e transcendental de Don Quixote. 
Á luz de novas lecturas e interpretacións, é precisamente no dramático e tráxico da novela onde podemos apreciar as mellores facetas dun auténtico humor retranqueiro, en virtude do cal o autor constrúe unha aguda crítica do seu tempo e dos poderes que a miúdo o subxugaron, entre eles, a xerarquía eclesiástica e o seu brazo de ferro, a Santa Inquisición. Lembremos aquela pasaxe en que Don Quixote, irónico e elocuente, malia que cauto, dille ao seu escudeiro: -“Con la Iglesia hemos topado, Sancho”. 
Sen o exercicio dun humor agudo, a escritura de El Quijote non tería sido posible; tampouco o autor tería sobrevivido aos poderes da época nin sorteado a férrea censura literaria. Tivo que recorrer a variadas artimañas, linguaxes cifradas, anagramas, narradores apócrifos e falantes diversos, para que aqueles censores non entendesen o esencial da súa creación e se quedaran na superficie banal de agravios e travesuras, ou na tese manida da condea explícita ás novelas de cabaleirías. Se tivesen desentrañado cabalmente o humor de Cervantes, o que estaba tras as palabras, a cara oculta da súa moeda lingüística, o libro tería rematado no Índice Expurgador. 
Porén, o desenrolo do humor no transcorrer da novela leva implícita unha interlocución, un diálogo onde se desenvolve a trama do humorístico, non sempre establecido entre dous individuos distintos. O recurso de Cervantes estará explicitado nos seus dous extraordinarios personaxes, cuxa vida en común é perfecto contrapunto de risa e drama. Pero tamén advertiremos soliloquios e monólogos do ilustre cabaleiro nos que se perfila a intención dialogante de quen se observa a si mesmo. 
Ao longo das páxinas do Ingenioso Hidalgo, o diálogo brillante que sostén a narración, entre Don Quixote e Sancho, amósanos a estrutura dialéctica da súa proposición discursiva, mediante a cal o Cabaleiro guía, aconsella e prevén ao Escudeiro sobre os detalles e circunstancias do seu emprendemento de “desfacedor de entuertos” e “socorredor de doncellas y desvalidos”. Sancho responde ao seu amo cun escepticismo labrego no que vai brotando, a medida que transcorre a novela, unha sorna que pouco a pouco afectará as conviccións heroicas do Cabaleiro da Triste Figura, ao punto de que a súa personalidade vai derivando cara reflexións receosas nas que advertimos ese antiquísimo humor hebreo de quen se enfronta ao límite dun camiño sen retorno posible, cando o suposto regreso é so para constatar que “en los nidos de antaño ya no hay pájaros hogaño”, para o heroe derrotado antes de cumprir algún dos seus tolos soños. 
E o pai do heroe, Miguel de Cervantes, imposibilitado xa de alcanzar aquela gloria literaria que perseguiu con denodo, entre cuxos desvaríos estivo a pretensión frustrada de ser un gran poeta, escribe a súa derradeira carta, hai catrocentos anos, onde estas breves frases expresan a reflexión postremeira, despedida na que aínda latexa a ilusión de sobrepoñerse, quizá como a última humorada imposible, á fatalidade do seu destino: Ayer me dieron la Estremaunción y hoy escribo ésta. El tiempo es breve, las ansias crecen, las esperanzas menguan, y, con todo esto, llevo la vida sobre el deseo que tengo de vivir… 
Despois de todo, a lectura de El Ingenioso Hidalgo Don Quijote de la Mancha poida que nos deixe un sorriso triste, mais nunca exento de humor… Por algo o meu pai lucense, lector incansable da mellor novela de todos os tempos, facendo particular uso da retranca, afirmaba ser “o perfecto optimista, é dicir, o pesimista convencido”. 
Abril de 2016 
No Cuarto Centenario do pasamento do Príncipe dos Enxeños 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *