EN MANS DAS BESTAS. A ESCASA SENSIBILIDADE DAS CLASES DOMINANTES

Manuel Lugrís Rodríguez

Cando estamos a ler as agresións contra do patrimonio mundial da cultura en diversas partes do mundo, envoltas na voráxine da guerra, veñen á memoria episodios de triste recordo, tamén relacionados coa sensibilidade que nos atinxe a todos con outros atentados levados a cabo nestes nosos eidos de respecto, liberdade, tolerancia e toda esa palabrería que enche a boca de panexiristas, alabadores e apoloxistas da bondade civilizadora occidental que pululan en tertulias televisivas e artigos de fondo na prensa “seria” do eurocentro en retroceso crepuscular pero aínda fachendoso do seu próximo pasado de empatía universal e gloria efémera. 


Pero eses atentados domésticos teñen, habitualmente, un denominador común: a ambiciosa voracidade do ignorante que so pode sentirse vencedor na vida, co peto cheo de cartos, o bandullo graxento e o cheiro abafante polo peido dun menú de oitenta euros. Clase política e clase podente, constituídas ambas as dúas por camadas de desinformados, incultos e iletrados que dormen, comen e cagan como o que son. E vén isto a conto porque a incompetencia e a incultura son consubstanciais a toda esta tropa que, desde sempre, non tivo a mais mínima emotividade ou sentimento coas cousas de Galicia. Fosen estes libros, monumentos, paisaxe ou, simplemente, o mais mínimo arraigo co sentir natural da Terra e da súa historia. Barbaridades como a destrución de castros, a demolición de edificios significativos, a ruína de montes autóctonos e, por non dicir, o estrago das paisaxes urbanas mais características, foron e son, aínda, o pan noso de cada día, por mor da avidez e da cobiza desenfreada. 

Pero a cousa que quería contar, aínda que vai por aí, é outra. Hai na miña cidade, A Coruña, un barrio especialmente representativo do que é a nosa alma de pobo; un barrio crisol 
de mil sensibilidades, historias, lendas e poemas que conforman un mostrario de todo o que significa e representa á Galicia: desde a Torre de Breogán, alí na península que viu partir ós colonizadores da Verde Erín, até o camposanto que garda as máis sobranceiras figuras da nosa cultura: Curros, Pondal, Murguía, Luis Seoane…; todo respira en Monte Alto o recendo da ilustre vida da nosa Patria. Pero un día, o salvaxismo desas bestas das que denantes falabamos, enseñorouse do tempo e das ideas e arrasou a historia que configuraba o máis antergo vestixio dos anais e das raigañas profundas do noso ser… Pero quero transcribir, aquí, un traballo que hai máis de quince anos publiquei na revista “A Rúa” da Asociación de Veciños do barrio e que fai referencia a un outeiro de lenes encostas que miraba cara ó mar de vento e sol en salitre de verán e de frío en inverno, que se chamaba o “O Monte dos Bicos”, hoxe desaparecido baixo moreas de formigón, chapapote e aldraxe. Di así: “Entre os lugares máis entrañables do noso barrio, está precisamente o que dá lugar á denominación de Montealto. Abrangue esta zona a extensión situada pola parte posterior do edificio do antigo cárcere, rubindo a suave aba que eleva a súa costa dende o vial do Paseo Marítimo ata as novas construcións das Lagoas, nunha permanente exposición de alfombrado verdecente, en herba recendosa, que desafía o cemento de que está a ser arrodeada, cemento cada día máis cercano, cada día mais ameazante. Este pequeno outeiro, de liñas lánguidas e fértil terra é o xerme mesmo da nosa configuración coma comunidade humana. Lonxe do insensible e dos inminentes perigos da cidade que avanza, a súa existencia, como illa de natureza en estado puro, de rochas encarrizadas no enverdiñado canir e maresía que funga de continuo na súa despexada superficie, é un compendio da memoria atávica, da lenda e historia mesturadas de aire, sol e ceo azul na ecolóxica confusión reivindicativa dos bos e xenerosos fronte dos imbéciles e escuros que decote tentan de dirixiren os destinos dos homes e das patrias. Montealto é un brado permanente que estrutura a nosa identificación coma pobo e, como tal, acada unha representatividade, unha simboloxía que fica patente nas últimas estrofas do himno, cando a referencia ao mítico Breogán nos trae á lembranza da Nosa Terra inmediata, desa península da Torre enfeita e xentil, brava e cariñosa, contraditoria e amable na que nacemos ou vivimos na adopción da súa xente aberta e altruísta. 
Nas imaxes deste artigo, duas vistas aereas do Barrio de Monte Alto na Coruña
Galicia é un reflexo histórico do significado de Montealto. A Galicia civil. A Galiza do facho aceso no cumio da Torre para salvar ó home na súa propia condición de mortal, estando a renunciar a toda connotación deificatoria. O home sendo exclusivamente home, Odiseo que di non, que desbota a vida eterna a refugar dos paraísos que non lle son propios. Se o vello rei de Ítaca voltase…! E o mestre Álvaro, no pétreo escritorio do Faro de Occidente a recibilo coas mellores prosas e os seus versos máis floridos rescatados das dedicatorias ao Simbad… Esta é a esencia de Galicia, o seu cerne de compromiso vital e a xustificación na historia. Compromiso civil, como diciamos, de sermos homes ceibos nunha terra libre e nun planeta libre. A liberdade como bandeira que flamexa nos mastros de naves protexidas pola Torre do Mar na súa derrota lúcida que nos leva a traverso do tempo nas cores dun arco da vella que a cotío nace e morre no Océano de Breogán. Isto é Montealto, dende a sangal descida de verde e azul nun escintilante serán de estío, cando a perfecta liña do horizonte agocha o sol de esplendor e vida. Montealto terra negra, de mar salseiro e rouco nas furnas e nos cantís da costa agredida, república do pensamento, das ideas cálidas, do humanismo céltigo que nos chega dende o máis fondo do tempo proxectado nun futuro que redime do anonimato e do esmorecemento. Toda representación cívica da nación galega está en Montealto. A silueta castrexa do seu outeiro, o salitre que paira no seu aire, as rúas fremecidas polo vento dun eterno Elsinor mariño e os habitantes do tempo integrados na súa mesma natureza perecedoira que reivindica sempre os valores mais lexítimos e solidarios da etnia humana. E o Faro, sempre o Faro entre o virazón e travesío, corisco e galgueiro ardentío de agosto que permite a efémera vida das mapoulas e abanea nas rexas cores e nos pétalos fráxiles de vivificantes ronseis de semente na primavera. Terra Civil que se contrapón á prepotencia a á ignorancia dos presuntuosos que se cren fillos de deuses protexidos por escapularios, estolas e pórticos de pedra equivocada. Os que pretenden seren eternos nun astro que camiña cara á súa extinción. Montealto é mais consciente. Consciente absoluto, podería dicirse. Na sinxeleza das súa propostas. Simple receitario dunha terra, dun pobo, unha angueira de permanencia, de identificación. Iso tan simple como esclarecedor. 



O punto máis alto de Montealto non existe actualmente. Nos anos sesenta, a barbarie sen sentido dos falsos progresistas, desfixo o que definía a case segura presenza dun asentamento humano neste lugar preeminente. Chamábase Monte dos Bicos. De seguro que pola súa forma orográfica, semellante a peteiros de ave nas afiadas pedras que coroaban o seu cabezo. Unha canteira que hoxendía aberce o IES Anxel Casal e as Cocheiras dos Tranvías, é o que ocupa agora o seu lugar. Pero aquí, nesta paraxe afastada, entón, do rebumbio das rúas e o trafegar dos coches, había unha pequena penedía, unha moa a penas desas que o vento vai deixando na frescura silandeira das limpas caras como espellos de ceo aberto. Alí, nas pulidas superficies do coido, existían uns petroglifos enigmáticos que non eramos quen de interpretar. Especie de plano con vereas, casas… Quizais un asentamento defensivo ou os eixos de comunicación internos dun hábitat. Os rapaces que sabiamos deles, faciamos moitas cábalas e rematabamos, sempre, por ficar na dúbida ou na especulación. Frustrados no intento de entrar no máis fondo do noso pasado, intuíamos que alí residía boa parte da súa explicación, da nosa explicación máis ben. Saber que era aquilo, o seu sentido ou mellor o senso que lle deran os seus primitivos escultores coma mensaxe de séculos que nos quixeran facer chegar. Un día atopamos as escavadoras, os barreneiros, os compresores, como máquinas de morte rañando no ventre da montaña e, ao pouco tempo, a nosa rocha desapareceu engulida polos monstros planificadores de despacho e saúdo romano. Era a súa resposta de animais ao paso de cinco lustros longos desde a súa primeira cazada. Galicia e nós ficamos alí estarrecidos. Durante anos estrarrecidos, ata que espertamos na hora en que debemos dicir ao mundo o que fixeron a este Barrio simbólico, este Barrio no que se reflicte en espazo e tempo a Nación como berce de Breogán, da Torre Civil de Hércules, de Reivindicación, do máis difícil ao dicir Non…, este Barrio que ten esa textura ideolóxica, esa constancia “bravú”, a quentura mol da area de San Amaro ou a perennidade do avalar e devalar imparable da historia que, aínda así, vai cara diante e non esquece o sentido, mais real que figurativo, das insculturas do Monte dos Bicos”. 


Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *