MEMORIA DE ACTIVIDADES

Marisa Naveiro López
A A.C. Irmáns Suárez Picallo segue na súa andaina, que cada día fai que máis xente nos siga e participe das nosas actividades e é grazas a esa xente que o ánimo non so non decae senón que vai in crescendo.

Desde o pasado mes de abril cando, como todos o 14 de abril, realizamos a ofrenda floral no monumento ás vítimas da represión franquista en Sada, continuamos coas seguintes actividades: Seguimos o 25 de abril presentando o nº 8 de Areal, na capela de San Roque. Alí vemos o documental Luísa Villalta: Paixón e compromiso, realizado por Xosé Seoane no 10º aniversario do seu pasamento, coa actuación de Xurxo Souto, quen fora tamén amigo de Luísa, que nos dou unha volta pola comarca coruñesa e rematou facéndonos cantar a todos o Grândola vila morena… como non podía ser doutra forma.

Xurxo Souto na presentación do nº 8 de Areal. Na imaxe superior Charla de inauguración
da exposición Arquitectura modernista en Sada

Na sede da RAG Presentamos, o 28 de abril, o libro A idea na palabra. Textos e documentos recuperados, de Manuel Lugrís
Freire, editado pola nosa Asociación con motivo do 80 aniversario da toma de posesión de Lugrís como presidente desta entidade. Contamos coa presenza do seu presidente, Xesús Alonso Montero.

Presentación do libro A idea na palabra. Textos e documentos
recuperados, de Lugrís Freire, na RAG

Xosé Duncan presenta o 13 de xuño, na capela de San Roque, o seu libro A porta de Annwn, segunda parte da triloxía de As crónicas de Bran. Cómpre sinalar que se trata dunha serie de aventuras e fantasía épica, en galego, editada por Contos Estraños. O primeiro volume publicouse o ano pasado co título A revolta dos Mestres.

Presentación da novela fantástica de Xosé Duncan A porta de Annwn.

En xuño visítano o editor e escritor chileno Gonzalo Contreras, falándonos o día 27 de La cultura con Allende, que é o título do libro que presenta tamén na capela.

Integrantes da Asociación co editor e escritor chileno Gonzalo Contreras.

No mesmo lugar celebrouse o acto de inauguración da exposición Arquitectura modernista en Sada, no marco da Feira Modernista. Con esta exposición, elaborada por Manuel Pérez e Carme Gratacós, con fotografías de Adela Ríos, Marisa Naveiro, Vanesa Santiago e Memoria de Sada, quérese difundir o legado urbanístico que existe no noso concello así como o desaparecido, co fin de crear conciencia cidadá e pór en valor estas edificacións. Os paneis ocuparon durante varios días a rúa Linares Rivas.

Moncho do Orzán é embaixador en agosto do Coro de Casa Galicia de New York, convidados de Cántigas da Terra. Actúan na Casa da Cultura de Sada acompañados de varios músicos galegos. A boa música encheu o auditorio e os que alí estivemos gozamos moitísimo con este evento.

Dúas imaxes da actuación do Coro de Casa Galicia de New York en Sada

Tamén no mes de agosto unha delegación da Asociación participou en Nós, no día de Galicia Mártir, conmemorando o asasinato de Alexandre Bóveda.

Continuamos coas visitas internacionais. Desta vez é a escritora e investigadora arxentina Nora Strejilevich que, convidada pola nosa asociación, vén presentar o seu libro Una sola muerte numerosa, onde testemuña a súa propia experiencia como vítima da ditadura arxentina. Ademais de en Sada, organizamos actos na facultade de Xerografía e Historia de Compostela, na Biblioteca Rialeda de Oleiros e en Portas Ártabras, na Coruña.

Integrantes da Asociación coa escritora arxentina Nora Strejilevich e o profesor A. Míguez na USC. Na imaxe superior Charla de N. Strejilevichen Sada

O venres 26 de setembro presentamos na Capela de San Roque o nº 2 dos Cadernos de Estudos Xerais, “De Galicia a Chiloé: ‘Chile a la vista’ de Eduardo Blanco-Amor”, coa presenza do autor, Luís Pérez Rodríguez, e do escritor José-Mª. Monterrosso Devesa.

Luis Pérez e José-Mª. Monterroso Devesa presentando o caderno “De Galicia a Chiloé: ‘Chile a la vista’ de Eduardo Blanco-Amor”, da autoría do primeiro.
Por último o pasado 2 de outubro participamos en Os xoves da rúa Tabernas, na Casa Museo Emilia Pardo Bazán. Manuel Pérez Lorenzo deu unha magnifica charla sobre Ramón Suárez Picallo na que ilustrou con textos de Ramón as pasaxes da súa vida, conmemorando o seu 50 cabodano (1964-2014).

Acto na Casa Museo Emilia Pardo Bazán con motivo do 50 aniversario da morte de Suárez Picallo
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *