MEMORIA DE ACTIVIDADES

Marisa Naveiro López
Presentación do nº 4 da revista Areal
O pasado 13 de abril presentabamos na Casa da Cultura “Pintor Llorens” o nº 4 da revista Areal. Un número dedicado en boa medida a Isaac Díaz Pardo. Falarían sobre esta figura José-Mª Monterroso e Felipe Senén. Concluiría o acto coa actuación de Tombalobos orquestra, que deleitaron e divertiron aos asistentes.


Exposición Irmáns Súarez Picallo
No mes de xuño, unha representación da A. C. Irmáns Suárez Picallo asistiamos a inauguración da nosa exposición no local da Asociación de Veciños Agra do Orzán, da Coruña. Nun ambiente agradable, no propio salón de actos no que se exhibe a exposición, falaron o presidente da entidade coruñesa e os directivos da nosa asociación Marisa Naveiro e
Manuel Pérez Lorenzo.
Presentación de dous libros sobre a represión franquista
Tamén no comezo do verán, o 26 de xuño, na Casa Municipal da Xuventude preséntanse dous libros: Vixiados. Represión, investigación e vixilancia na Galiza da Guerra Civil (1936-1939). Autores: Emilio Grandío Seoane (coord.), Javier Rodríguez González, Manuel Pérez Lorenzo, Rosalía Regueiro
Méndez, Pilar Mera Costas, Xurxo Pantaleón.
Ed. Laiovento.
A represión franquista na comarca da Coruña. Vidas na memoria. Autores: Proxecto Interuniversitario Nomes e Voces. Emilio Grandío, Eliseo Fernández, Dionisio Pereira. A iniciativa da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.Ed. Laiovento.
Interviñeron no acto os autores Eliseo Fernández, Emilio Grandío e Manuel Pérez Lorenzo, comentando o proceso de xestación e o contido de ambas obras. A continuación houbo un interesante espazo para o debate, con varias intervencións do público.

Exposición Ricardo Flores. Sempre en Sada
O 24 de xuño de 2002, falecía en Buenos Aires o sadense Ricardo Flores. Ao se cumpriren 10 anos, a A.C. Irmáns Súarez Picallo quixo, mediante a elaboración dunha exposición, trazar un percorrido polas diversas facetas dun home poliédrico que desempeñou un importante papel entre a colectividade dos galegos emigrados.
No acto de inauguración, o 18 de xullo na Casa da Cultura Pintor Lloréns, estiveron presentes familiares do escritor homenaxeado. Fixeron uso da palabra, pola entidade organizadora Paco Pita e Manuel Pérez Lorenzo, que comentaron as motivacións que levaron a concibir esta exposición, as aportacións das que é debedora e o contido dos 10 paneis e da vitrina que a compoñen. A continuación, José Gerpe, afillado de Ricardo Flores, relatou as súas lembranzas
acerca do seu padriño. Por último, distribuíuse o nº 12 dos Cadernos de Estudos Locais, que recolle o texto dos paneis. O acto resultou emotivo, cunha notable asistencia de público. A exposición permaneceu aberta ao público o resto do mes.
O día 27, no mesmo lugar, celebraríase unha mesa redonda na que participaron persoas que trataron a Ricardo Flores: Luís Pérez, Xosé Martínez- Romero, Pilar Jeremías e a actriz Carmen Moreno, moderados por José-Mª. Monterroso.


Observación das bágoas de san Lourenzo
Como cada ano, a Agrupación Astronómica Io programou unha observación das Perseidas en lembranza de Juan Carlos Medal (Jaítos).
Ante a escasa visibilidade, integrantes de Io deron unha breve, interesante e instrutiva charla no auditorio da Casa da Cultura Pintor Lloréns para o público que alí se congregara.
Ao remate da mesma, aproveitando que o ceo xa estaba despexado, puidéronse observar varias estrelas fugaces, así como outros elementos do firmamento por medio de telescopios.

Presentación do libro: A saúde como negocio
O pasado día 20 de Setembro, o médico Pablo Vaamonde presentou en Sada o libro A saúde como negocio, do que é coordinador. A súa charla, moi amena e clarificadora, agradou moito ao público. Entre outras cuestións, falounos da construción do hospital de Vigo.


Serán no castelo de Fontán
O día 29 de setembro tivo lugar un acto lúdico-cultural no contorno do castelo de Fontán, organizado pola Plataforma en Defensa da Ría e no que colaborou a Asociación. Alí concitáronse a poesía, o teatro, a música e a comida para reivindicar a preservación dos valores culturais e medioambientais de Fontán. A estes efectos, realizáronse 4 paneis divulgativos.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *