MEMORIA DE ACTIVIDADES

Marisa Naveiro López

Como ven sendo habitual, relatamos nesta
sección o que aconteceu desde hai 6 meses, ou
sexa, cando saíu á luz o nº 3 de Areal, en outubro de 2011. 

Estabamos daquela coa exposición sobre o
fotógrafo sadense Francisco Varela Posse,
que tanto éxito tivo en número de visitas como
no interese que suscitou. A exposición está
composta por máis de medio cento de fotografías datadas entre os anos 1910 e 1950, se ben a
gran maioría corresponden aos anos 20, cando
Varela contaba cun negocio de fotografía na
Rúa da Obra e exercía como correspondente
gráfico en diversas publicacións. Ademais, algunhas das imaxes acompáñanse de textos de autores locais da época. Tamén estiveron expostos
obxectos persoais, revistas e diversa documentación. Por último, a exposición incluía un apartado de paneis biográficos, compostos por informacións acerca do protagonista, así como fotografías e documentos familiares. 

O venres día 14 de outubro, no cemiterio
municipal do Fiunchedo tivo lugar a ofrenda
floral ante a tumba de Ramón Suárez Picallo, coincidindo co 47 aniversario da súa morte
e o 3º do traslado dos seus restos desde Buenos
Aires a Sada. No transcurso do acto, léronse
textos escritos no 1964 con motivo do falecemento de Suárez Picallo, un de Valentín Fernández e outro de Eliseo Pulpeiro, que foron
achegados a esta Asociación polo historiador
arxentino Hernán Díaz. 

A continuación na capela de San Roque tivo
lugar o acto de presentación do nº 3 de Areal,
coa proxección dun breve vídeo sobre a vida e a
obra do fotógrafo Francisco Varela Posse. Interviron logo Paco Pita e Manuel Pérez Lorenzo para presentar os contidos, e a continuación
falaron varios dos colaboradores do presente
número: Manuel Lugrís Rodríguez, Francisco
Pillado, Santos M. Ribadeneira, María Pérez
Miñones e Xaime Rodríguez Rodríguez. Unha 
vez rematadas as intervencións, fíxose efectivo
o nomeamento de Fina Varela Turnes, a filla do
fotógrafo Varela Posse, como socia honoraria da
nosa Asociación pola colaboración emprestada e
polo afán na conservación do legado do seu pai.
Pecharon o acto a soprano Susana de Lorenzo e
o pianista Rupert Twine, que deleitaron ao auditorio cun repertorio variado: canción galega,
música arxentina e francesa, etc. 

O 6 de novembro, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e a
Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo de
Sada organizamos a IV marcha a Meirás, para
reclamar a devolución do pazo ao patrimonio
público e o cumprimento do réxime de visitas
que establece a lexislación polo seu carácter de
Ben de Interese Cultural, que non é respectado.
A marcha iniciouse en Sada, ante o monumento
en recordo das vítimas da represión franquista,
coa intervención de Manuel Pérez Lorenzo.
Logo, unhas trescentas persoas desprazáronse
ata Meirás, onde escoitaron as palabras de Manuel Monge, presidente da CRMH, reclamando
a devolución do edificio. Falaron tamén os actores Fernando Morán e Isabel Risco, aos que
seguiron Francisco Pillado, Pilar Vázquez e
Rexina Basadre recitando poemas de Celso
Emilio Ferreiro. Por último, o actor Manuel
Lourenzo escenificou a devolución do inmoble
por parte do ditador. 

O 5 de xaneiro recibiamos a triste nova do
falecemento do noso socio de honra Isaac Díaz
Pardo. Varios membros da directiva da A.C. Irmans Súarez Picallo estarían presentes nos actos
celebrados ao día seguinte, no Museo do Pobo
Galego e no cemiterio compostelán de Boisaca. 

Varios integrantes da Asociación (Marisa
Naveiro, Abel López, Laura Pita e Manuel Pérez) desprazáronse a Mugardos o 22 de marzo
para presentar a exposición dedicada a Ramón e Xohán Antón Suárez Picallo, que xa
percorreu boa parte da xeografía galega. O acto, que tivo lugar no Centro de Maiores abriuno Marisa Naveiro, que explicou os motivos
que nos levaron a artellar esta exposición. Logo, Manuel Pérez Lorenzo realizou un percorrido polas biografías dos dous irmáns e, finalmente, o alcalde de Mugardos, Xosé Barcia,
pronunciou unhas palabras, alentando a recuperar o legado de persoas como os irmáns Suárez Picallo nos tempos difíciles que vivimos.
Tamén estiveron presentes os concelleiros de
Cultura e Benestar. 
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *