NOMES PROPIOS. EUGENIO PAZOS: VIDA E DRAMA DUN REPUBLICANO

Manuel Pérez Lorenzo
A Bettina e Eugenio Pazos, que en Buenos
Aires conservan a memoria do seu avó.


De comerciante próspero e figura relevante da política e da vida social de Sada a exiliado, lonxe do seu pobo, da súa familia e dos seus amigos. A vida de Eugenio Pazos, home de firmes conviccións republicanas e democráticas, representa o drama de todo un país, o drama dun tempo.

Eugenio Pazos Pereiro naceu no lugar do Quintán, parroquia de Veigue, no ano 1890. Carpinteiro de oficio, nese mesmo lugar montaría unha fábrica de cadaleitos. Casará con Esperanza Méndez Veiga, de Oleiros, coa que terá a súa primeira filla, Esperanza, no 1914, á que seguirán Eugenio, Manuel, Antonio, José e Jaime. Xa no 1915 participa do puxante asociacionismo local, formando parte, como secretario, da sociedade recreativa La Unión de Veigue, canda o seu irmán Antonio1. Posteriormente emigraría durante un par de anos a Nova York, en torno ao 1920, traballando como carpinteiro nun buque mercante2 e colaborando coa sociedade Sada y sus Contornos, constituída polos sadenses emigrados nos EEUU co fin de dotar a Sada de escolas laicas.

En todo caso, no 1923 achábase xa establecido na vila de Sada. Nese ano, o seu negocio de fabricación de ataúdes sofre un incendio, segundo a prensa intencionado, por motivos que descoñecemos, e no que queda reducido a escombros así o taller como o almacén contiguo3.

Á altura do 1925 era propietario de varios comercios agrupados baixo o nome de Casa Quintán e situados no baixo da súa casa, na Avda. Barrié de la Maza: ultramarinos e pompas funerarias, este último con sucursal en Oleiros. Co tempo artellará tamén un “almacén de muebles a plazos y al contado”, farase copropietario do comercio de tecidos “La Verdad” e será subdirector da compañía de seguros el Ocaso en Sada e Betanzos, co que disfrutará dunha posición eco- nómica desafogada. Ademais, no mesmo baixo instalará unha sucursal do Banco Central, que dirixirá.

A súa presenza no movemento societario será notable, organizando e dirixindo agrupacións para diferentes fins. Xa no 1924 fora elixido vogal dunha potente e heteroxénea Asociación Popular de Defensa de Sada, da que formaban parte tanto vellos integrantes de Solidaridad Gallega como anarquistas, conservadores e católicos, co obxecto de procurarse axuda mutua entre todos os socios4. 

Anuncios de Eugenio Pazos na revista Mariñana (1925)
e no xornal vigués El Pueblo Gallego (1934 e 1935).

A partires do 1932, como integrante do colectivo local de empresarios, organizará e presidirá a Unión Gremial Mercantil, unha asociación de comerciantes e industriais moi activa nos anos seguintes, procurando o desenvolvemento económico de Sada e o fomento do turismo.


A súa intensa actividade no campo político desenvolverase durante a II República, nomeadamente no ámbito do republicanismo de esquerda, primeiro no Partido Republicano Radical Socialista e logo en Izquierda Republicana, no marco dun Concello no que a corporación municipal quedara conformada integramente no 1931 por republicanos da ORGA de Casares Quiroga (PRG a partires do 1932).

O Partido Republicano Radical-Socialista configúrase en Sada como a alternativa republicana de centro-esquerda aos casaristas. A agrupación local, integrada no sector máis progresista do partido, constituirase oficialmente no 1933, e Eugenio Pazos será o seu presidente, acompañado, entre outros, polo seu amigo Luís Castro Álvarez e polo mestre das escolas de Sada y sus Contornos Gumersindo Fernández5. A formación sadense realizará mitins na vila e nas parroquias. Por exemplo, o domingo 4 de febreiro do 1934 organizarán un mitin en Mondego no que tomarán a palabra Eugenio Pazos e José Búa Carou, poñendo de manifesto “la necesidad de que los elementos de izquierda se unan para defender la República de sus enemigos y a su vez defender también el sentido moderno que a ésta le inculcaron los auténticos republicanos”6.

Mais a derrota electoral nas eleccións xerais de decembro do 1933 imprimirá nas organizacións republicanas a necesidade de reestruturarse. Iniciarase entón o proceso de creación dun novo partido, Izquierda Republicana, que en Galicia aglutinará aos casaristas do PRG e aos Radical-Socialistas. En Sada, o camiño cara a unificación nunha única formación será bastante tortuoso. O 20 de maio tiña lugar no Salón Moderno unha asemblea na que participan, os representantes de ambos partidos xunto aos coruñeses Búa Carou e Acosta Pan. Na reunión elixiríase un comité provisional conformado polos dirixentes das dúas correntes: o alcalde Antonio Fernández Pita e o oficial da secretaría do Concello Jenaro Prego polo PRG, e Eugenio Pazos e Luís Castro polo PRR-SI. Elixirase a casa de Eugenio Pazos como local provisional. Non obstante, un enfrontamento por diferenzas que descoñecemos, derivou nun distanciamento do sector procedente do PRG7.

O novo partido, xa que logo, quedará composto por integrantes da sección liderada por Eugenio Pazos que, novamente, había ser nomeado presidente, organizando mitins e actividades diversas. Así, o 27 de maio do 1934 organizarán unha excursión para presenciar o mitin de Azaña, Marcelino Domingo e Casares na praza de touros da Coruña8. En maio do 1935 presenta a súa dimisión por incompatibilidade co traballo, sendo substituído polo ata entón secretario Luís Castro. Non abandonará a actividade política, e, de feito, en xaneiro do 1936 será elixido vicepresidente. No seu periplo no partido acompañaríano tamén Gumersindo Fernández, Luís Pita da Veiga Mojón, Amador Cubeiro ou Sebastián López Sánchez, entre outros9, así como o seu fillo Eugenio, que falecería aos 19 anos en setembro do 1935. Ao enterro en Veigue, ademais de 9 curas, concorrerían as directivas en pleno de Izquierda Republicana, Grupo Galeguista e Artística Sadense10.

No verán do 1935, logo de case dous anos de goberno da dereita, as forzas progresistas de Sada uniranse nunha Alianza de Esquerdas, da que formarán parte o Partido Galeguista -liderado por Xohán Antón Suárez Picallo, Justo Rodríguez e Gil González Mosquera-, Unión Republicana -con José Pérez Pazos á fronte-, Izquierda Republicana, sindicatos obreiros e sociedades agrarias. Eugenio Pazos será designado depositario da mesma e Antón Suárez Picallo será o secretario xeral11. A Alianza organizará diversos mitins, como o celebrado en Mondego contra a guerra e o fascio e en prol da amnistía o 16 de outubro do 1935, no que interveu Ramón Suárez Picallo12. Ante as eleccións a Cortes convocadas para o 16 de febreiro do 1936, esta Alianza converterase na Fronte Popular, en sintonía co resto do Estado, desenvolvendo unha intensísima campaña electoral, culminada o 6 de febreiro cun mitin no Salón Moderno no que interveñen Ramón Suárez Picallo, Ramón Beade, José Miñones e Casares Quiroga13.

Home de sensibilidade galeguista, Eugenio Pazos tamén participará activamente na campaña en prol do Estatuto de Autonomía de Galicia, sendo designado membro da secretaría executiva nomeada a efectos de organizar a campaña do plebiscito14.

En paralelo a esta actividade política, tamén participará no asociacionismo de carácter cultural, destinado a esparexer o coñecemento e a instrución especialmente entre os sectores populares. En xullo do 1935, Eugenio Pazos será un dos fundadores do Ateneo de Cultura Política y Social de Sada, conformado por integrantes de todas as forzas políticas progresitas e das organizacións sindicais e que desenvolverá unha intensa actividade, programando charlas, actos e excursións15.

Mais a súa vida derrubarase coa sublevación militar de xullo do 1936 contra a democracia republicana. A súa condición de activista político levarao a se ter que agochar durante un tempo, ata que consegue fuxir a Portugal, desde onde toma un barco que o leva a Buenos Aires. A súa familia seguirao no 1937, deixando en Sada unha vida próspera e feliz. Ao igual que os demais, o fillo menor, Jaime, de tan só 6 anos, precisou para poder emigrar dun certificado conforme non fora xulgado por delitos contra a orde social nos 5 anos anteriores. 

No exilio bonaerense, nunha difícil situación económica, retomará o seu oficio de carpinteiro e mesmo, mercé ao seu espírito emprendedor, chegará a ser propietario dun restaurante. Mais nunca se recuperará animicamente do golpe que supuxo o ter que deixar a familiares e amigos na outra beira do Atlántico. Falecerá no 1944 dunha afección pulmonar, cando contaba 54 anos 17.
Eugenio Pazos, a súa muller e dous fillos no exilio en Buenos Aires. Fotografía cedida por Eugenio e Bettina Pazos.
A súa casa na Avda. Barrié de la Maza, onde tiña os comercios. Fotografía cedida por Eugenio e Bettina Pazos.
________________________________________________
1. Arquivo do Reino de Galicia, Goberno Civil, G-2552.
2. Entra en Nova York en varias ocasións durante o ano
1920 a bordo do buque Walter D. Munson, procedente
de Puerto Padre, Cuba, e Puerto México, enrolado no
barco como carpinteiro (Arquivo Ellis Island).
3. El Sol , 16/10/1923, e El Compostelano , 15/10/1923.
4. Arquivo do Reino de Galicia, Goberno Civil, G-2563.
5. Id., G-2563.
6. El Pueblo Gallego , 11/02/1934.
7. Id., 06/07/1934.
8. Id., 17/05/1934.
9. Arquivo do Reino de Galicia, Goberno Civil, G-2563.
10. La Voz de Galicia, 27/09/1935.
11. A Nosa Terra , 06/1935.
12. Ser, 20/10/1935.
13. La Voz de Galicia, 09/02/1936.
14. El Pueblo Gallego, 17/06/1936.
15. Pérez Lorenzo, M.: “O Ateneo de Cultura Política y Social:
unha experiencia societaria na Sada da II República”, Cadernos
de Estudos Locais , nº 1, A. C. Irmáns Suárez Picallo, Sada, 2010.
16. Arquivo Histórico Municipal de Sada, Goberno, Concello,
Libros de Actas, 384.
17. Información facilitada por Bettina e Eugenio Pazos.

Partillar

One thought on “NOMES PROPIOS. EUGENIO PAZOS: VIDA E DRAMA DUN REPUBLICANO

  1. Hola mi nombre Mirta Elena Pazos Paéz hija de Manuel Pazos Méndez y nieta de Eugenio Pazos Pereiro y quisiera contactar con mi familia Bettina y Eugenio Pazos.Si alguién sabe como puedo contactarles. Agradezco me lo hagan saber mepazos5@hotmail.com.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *