MEMORIA DE ACTIVIDADES

Marisa Naveiro López
O día 14 de abril de 2011, coincidindo co 80 aniversario da proclamación da II República, un número importante de persoas xuntámonos ante o monumento ás vítimas mortais da represión franquista en Sada para realizar unha ofrenda floral.

A continuación, continuouse a xornada na capela de San Roque, sala de exposicións e auditorio que fora recentemente inaugurada polo Concello de Sada logo dunha intensa restauración. Alí tivo lugar a presentación do segundo número da revista Areal , no que interviñeron, entre outros o presidente Paco Pita, que presentou aos demais poñentes e realizou os agradecementos dos que esta asociación é debedora; Manuel Pérez Lorenzo, que desglosou o contido do presente número de Areal; e varios dos autores, que comentaron as súas colaboracións: Manuel Lugrís, Calros Silvar, José Mª Monterroso e Xaime Rodríguez. Léronse tamén os saúdos que, desde Buenos Aires e Santiago de Chile, nos enviaron os tamén colaboradores deste número Hernán Díaz e Edmundo Moure. Por último, o compañeiro Valdi realizou a presentación do cantautor Miro Casabella, que interpretou numerosos temas do seu repertorio, emocionando ao público.

O 13 de maio volve a expoñerse na Coruña a mostra biográfica sobre os Irmáns Súarez Picallo, desta vez na sede da Asociación de antigos alumnos dos salesianos Don Bosco.

O 12 de maio, no marco do Día das Letras Galegas, tivo lugar na Casa Municipal da Xuventude un acto de homenaxe a Lois Pereiro. O acto iniciouse cunha lectura de textos do autor homenaxeado acompañados dun percorrido pola súa biografía. Nunha segunda parte, léronse relatos, artigos e poemas de autores de Sada: os irmáns Suárez Picallo, Lugrís Freire, José María Montes e Ricardo Flores. As lecturas foron realizadas polo público, que se amosou moi participativo. Temos que agradecer especialmente a presenza de alumnos do I.E.S. Isaac Díaz Pardo. Neste acto repartiuse o nº 8 dos nosos Cadernos de Estudos Locais, “Voces de xustiza. Artigos e manifestos dos anarquistas de Sada na II República”.

O 18 de xullo, a asociación organizou na Terraza de Sada unha homenaxe a Xan Carlos Medal na que participaron veciños de Sada, amigos do homenaxeado e institucións como a Casa das Ciencias da Coruña, a Agrupación Astronómica Io, a Delegación das Mariñas da Sociedade Galega de Historia Natural e membros da extinta Plataforma Cidadá pola Democracia en Sada. Medal, do que se cumpre o cabodano do seu falecemento, destacouse pola súa capacidade de comunicación como divulgador científico e como educador, pero tamén pola súa dimensión cívica, á fronte da Plataforma Cidadá pola Democracia en Sada contra a moción de censura do 2004. Interviñeron no acto Paco Pita (presidente da A. C. Irmáns Suárez Picallo), Jesús Castro (compañeiro de Medal na Plataforma), Juan Neira (da Plataforma e da Sociedade Galega de Historia Natural), Moncho Núñez (director do Museo Nacional de Ciencia y Tecnología), José Luís Quintela (columnista en La Opinión), os técnicos do Planetario da Casa das Ciencias, Marcos, Suso e José Antonio, os integrantes da Agrupación Astronómica Io Óscar Sánchez, Borja Tosar e Óscar Blanco, e Carpintero (compañeiro en Santa María del Mar). Pechou o acto Luís Medal, irmán do homenaxeado, en representación da familia. No acto, repartiuse o nº 9 dos Cadernos de Estudos Locais, baixo o título de “Homenaxe a Juan Carlos Medal «Jaitos»”.

No transcurso das festas de agosto sae o nº 10 dos Cadernos de Estudos Locais, “As letras e as festas II”, con artigos de M. L. Freire-Calvelo e X. A. Suárez Picallo.

Recentemente os socios da A. C. Irmáns Suárez Picallo mantivemos unha reunión con representantes da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña co obxecto de organizar a 4ª marcha pola devolución do pazo de Meirás. No pasado mes de agosto -cando maior é a afluencia de visitantes a Sada- a Xunta decidiu pechar o edificio ao público, incumprindo a lexislación á que está suxeito como Ben de Interese Cultural.

Neste mes de outubro, a nosa Asociación réndelle unha merecida homenaxe a Francisco Varela Posse, o fotografo que retratou a Sada dos anos 20. Acaba de inaugurarse a exposición que permanecerá na capela de San Roque durante todo o mes. Ao acto asistiron un importante número de sadenses, así como o alcalde da localidade e diversos concelleiros. Tamén estiveron presentes varios familiares, entre eles a súa filla Fina Varela, grazas á que foi posible parte importante deste evento. Desde aquí agradecemos a súa inestimable colaboración.

No acto repartiuse o nº 11 dos Cadernos de Estudos Locais, dedicado ao fotógrafo e realizado por F. A. Pita Fernández e M. Pérez Lorenzo.

Varios momentos da xornada de inauguración da exposición dedicada ao fotógrafo Francisco Varela Posse na capela de San Roque.

(Fotografías de Marisa Naveiro e Estevo Rodríguez)
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *