A XESTIÓN DO PATRIMONIO ARQUITECTÓNICO EN SADA

Benedito Álvarez García

Se os irmáns Suárez Picallo visen a transformación urbanística de Sada e a degradación patrimonial e histórico-artística que levou aparellada, a bon seguro que estarían defendendo e pulando polo obxectivo da conservación e posta en valor do patrimonio cultural construído de Sada e das súas manifestacións máis senlleiras.


Pero a realidade é que un desenvolvemento urbanístico ao servizo da especulación fácil e rápida, xunto a políticas municipais dirixidas básicamente a facilitar a construcción a calquera prezo, de calquera forma e en calquera sitio, tivo como consecuencia o desartellamento territorial do medio rural, a desaparición de construcións tradicionais de interese como consecuencia da execución de novas urbanizacións (a Casa Campanioni, en Riobao, e a Casa do Sarxento, en Meirás, son bós exemplos delo), o pouco ou nulo respecto pola integración ambiental das novas edificacións en barrios tradicionais (A Tenencia, Fontán), a deixadez interesada no deterioro de elementos protexidos

(a Casa con escudo en Párroco Villanueva) e, en definitiva, a degradación dos elementos e conxuntos patrimoniais sadenses.

Desde o goberno municipal, no período de mandato de Rodriguez Ares, promovéronse e potenciáronse varios sectores urbanísticos, cun total de case mil vivendas novas, pero, por exemplo, non se fixo xestión municipal ningunha para aprobar un plan especial de protección e rehabilitación no barrio de Fontán, a pesar de que as Normas Subsidiarias de Planeamento de 1997 así o establecían, precisamente co obxectivo de “rehabilitación do patrimonio arquitectónico urbano e a reforma, mellora e estructuración das áreas interiores das mazás”. Pola contra, en vez de facilitar e promover a rehabilitación e posta en valor do patrimonio construído, permitiuse a demolición de edificacións de singular valor arquitectónico, conformantes da tipoloxía tradicional dun barrio de orixe mariñeiro como Fontán.

Só o interese e adicación dos propietarios puido conservar edificacións que seguen a conformar e dotar de valor o conxunto residencial de Fontán como un dos sinais de identidade de Sada.


A desaparición de edificacións tradicionais de importante valor arquitectónico no barrio da Tenencia,

Avda. Barrié, Praza de San Roque, Linares Rivas e outras rúas do centro histórico de Sada deron paso en moitos casos a novas construcións de excesiva altura e pouco respectuosas co entorno.
Recentes actuacións municipais, xa con Abel López Soto de alcalde, de recuperación e posta en valor
dos espazos urbanizados públicos na Avda. da Mariña e barrio da Tenencia van na boa dirección.


Pero non só as edificacións e conxuntos residenciais de singular valor arquitectónico deben ser merecentes de protección e posta en valor. Sada conta, ademais, de Igrexas e Pazos con outros elementos da arquitectura tradicional de importancia. O muíño de vento en Meirás, cruceiros e hórreos (en ambos casos, aqueles cunha antigüidade de máis de cen anos atópanse protexidos desde fai anos e considerados bens de interese cultural) son bó exemplo delo.


Certo é que tamén no ano 2008, e grazas ao esforzo impagábel de moita xente, as Torres de Meirás, foron declaradas pola Xunta Ben de Interese Cultural coa categoría de Sitio Histórico, delimitando

un contorno de protección que tamén debe ser posto en valor mediante subvencións públicas que promovan a conservación e rehabilitación das edificacións tradicionais.


A Terraza, símbolo representativo do modernismo e sinal de identidade e representación colectiva de Sada, demanda actuacións urxentes de conservación e mantemento, moito máis cando ocupa dominio público e constitúe unha construción que goza de nivel de protección. A colaboración das Administracións Públicas (Concello/ Xunta) non exime do deber legal dos propietarios de manter e conservar os bens catalogados, como é o caso, cun nivel óptimo de protección.


Moito queda por facer en materia de protección do patrimonio cultural de Sada. Pero a cidadanía

sadense, de xeito amplamente maioritario, é sensíbel e demanda a conservación, protección e
posta en valor daquelo que conforma a nosa identidade colectiva e histórica.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *