RAMÓN SUÁREZ PICALLO. NOTAS AUTOBIOGRÁFICAS (II)

Francisco A. Pita Fernández / Manuel Pérez Lorenzo

Será precisamente na tertulia do café La Armonía, da Avenida de Mayo, onde coñeza ao que será o seu gran amigo na vida: Eduardo Blanco Amor. Da man do escritor ourensán introdúcese no emerxente nacionalismo galego, e comeza a participar activamente do tecido asociativo vinculado á colectividade coterránea. Así, no 1924 intégrase na Federación de Sociedades Gallegas, organización de tendencia esquerdista. Neste novo marco desenvolverá as súas actuacións, como político e como xornalista. Sempre acompañado de Blanco Amor, dirixirá a revista Céltiga e El Despertar Gallego, órgano da Federación. Asemade, o 18 de maio do 1925, a compañía teatral de Concepción Olona estrea no Teatro Mayo o seu drama Marola, manténdoo en cartel durante 57 noites:

Marola (radiante de alegría). –¡Deus che vexa vir…! ¡Achégase a miña vinganza! (Confidente.) Oes, ¿coñeces ao tío Calviño?
Fandiño. –¡E non hei de coñecer!… Nada menos que o noso delegado máis eficaz, a nosa man dereita. É un exemplar da Raza; agora, doume conta por que lle chaman herexe… Cando era pícaro, contábame contos de Estadeas e Santas Compañas, e acórdome que sempre había caciques que viñan do outro mundo para que lles sacasen o hábito…
Marola. –Foi a única persoa que me amparou. Por iso, como ía todas as noites á súa casa, sei todo canto se fai para librar a Galicia. Nesta cesta, foron todos os papeis que eu repartín por vilas e aldeas.
Fandiño. –De modo que fuches ti a mensaxeira dos nosos ideais!… ¡Déixame que che dea unha aperta!… (Apértaa, pero Marola despréndese avergoñada. Vai escurecendo. Unha moza canta unha canción nostálxica, a que Fandiño escoita ensumido.)
Fandiño. –¡Canción da miña terra!… ¡Doce como as caricias da miña nai!… ¡Triste como as miñas dores!… ¡Nai Galicia, alma túa torturada que segues como unha visión angustiosa aos emigrados!… (Terminou o canto da moza: a vigorosa voz dun mozo entoa con aire de desafío un rudo alalá. Cada vez máis lonxe continúan oíndose as cancións de desafío.) ¡Alalá viril!… ¡Musa gloriosa de Curros e Pondal!… ¡Canto épico da miña heroica estirpe Celta…! Dez anos facía que non escoitaba os teus máxicos ecos!… ¡Canto darían por escoitarche os que morreron en terras afastadas!… ¡Canto darían porque as túas notas fosen o Miserere da súa agonía, levando reflectida nas súas pupilas a docísima visión da súa Galicia benamada!
Marola. –¡Probiños!… (A campaniña da aldea próxima toca o Angelus. Marola axeónllase fronte á cruz.) Recemos por eles e polas nosas nais.
Fandiño. –Non sei rezar dese xeito. Os meus rezos son outros, dinse de pé e cos puños en alto. (8)

Non perderá Ramón a súa vinculación con movemento obreiro. Defeito, no 1926 viaxa a Xenebra como secretario da representación obreira na Organización Internacional do Traballo. Aproveitará a estancia en Europa para visitar fugazmente Galicia e Sada, onde será agasallado con banquetes e homenaxes polos círculos nacionalistas do interior, vinculados ás Irmandades da Fala. Na vila natal reencontrarase co seu irmán Xohán Antón, descubrindo, con gran satisfacción, como o ideal galeguista prendera nalgúns veciños:

Unha das cousas que máis me encheu de ledicia o meu esprito ao chegar a miña vila natal, a Sada dos meus amores, foi saber que n’ela habia unha xuntanza nazonalista de rapaces cuásique todos menores de 20 anos. E ainda mais, cando soupen que un hirman meu, que tiña dous anos cando deixei o fogar paterno, formaba parte d’ela. (9)

Na súa xeira por Europa visitará tamén Portugal, Francia, Suíza ou Italia, recreándose nas rúas de Florencia:

Vai ser media noite. Noite de verán, algo anubrada. Estamos sobre a Praza de Miguel Anxo, na Porta Santa. […] Ante a nosa vista aparece, estendida nun val, a vella e señorial Florencia; a inmortal cidade de Lourenzo o Magnífico, que deu ao mundo altísimos poetas, sabios eminentes e artistas inmortais. Rodéaa un cinto de verdecentes montañas. O Arno, deslizándose por debaixo das pontes vetustas, musita versos da “Divina Comedia”, como eterna homenaxe ao gran florentino que a concibiu nun soberano chispazo de xenio. Dorme Florencia. Ningún ruído turba o seu sono. […]
Descendemos da Praza. Sen ningún rumbo fixo, como levados por un guía invisible, chegamos á Ponte Vella. […] Por unha das arcadas que dá sobre o río, penetra un claro de lúa que reflexa sobre un mármore onde está reproducido no alto relevo do centro o primeiro encontro de Dante con Beatriz. Foi neste lugar que nós ocupamos, onde naceu aquel amor inmenso que torturou a alma do poeta. Un hálito de emoción nos envolve; en estraño fluído fainos vibrar, e, por un momento, sentímonos transportados a outra rexións, levados por un misterioso sortilexio.
O tanxer do “campanile” do vello palacio comunal florentino que dá as 12 da noite, envólvenos na realidade. Botamos unha derradeira ollada á alegoría dantesca, e cruzamos a ponte vella de Florencia onde naceu o máis fermoso poema de amor da Humanidade. (10)

A súa demorada estadía na Arxentina establecera un vínculo inquebrantable entre a cidade de Buenos Aires e Ramón Suárez Picallo. Así, no barco camiño de Europa, sentíase fondamente porteño e exclamaba:

Esta noite, despois de cear, o noso amigo o crioulo, por un pouco “tira la bronca” presa do maior furor. Non sabemos cómo o arranxou; mais o caso é que apareceu cunha rapaza crioula que toca e canta divinamente unha colección de tangos: “Viejo Rincón”, “Langosta”, “Sonsa” e outros.
Desaloxo de toda a “gabachada”, quedando o salón por noso. ¡Santo Deus, e que inusitadas belezas atopamos nas notas da canción do arrabalde porteño! ¡Que evocativa e nostálxica semellou esa música popular, que leva prendidos nas súas notas anacos da alma do arrabalde, ao que divinizou o sublime Carriego na súa “Canción del Barrio”! ¡Con que devota emoción os escoitamos, lembrando noites de bohemia, noctámbula, lembrando os ollos ardentes, apaixonados desas mulleres crioulas que entregan o seu corpo e a súa alma ao ritmo dun tango arrabaldeiro!
As notas de “Viejo Rincón” soan aínda nos nosos oídos. ¡E non hai dúbida algunha de que esta noite soñaremos con Buenos Aires! (11)

Ao regreso da súa viaxe, seguirá dedicándose ao xornalismo. No 1930 será contratado para desempeñar o posto de bibliotecario do Club Español. Será el dos promotores do vencello entre os nacionalistas e republicanos do interior e os da diáspora, coa creación da filial bonaerense da ORGA:

Cando nas postrimetrías da ditadura, apareceu Orga, tivemos unha viva alegría ao constatar que nas súas filas envorcáranse todos os galeguistas coruñeses. Soubemos da fundación de Orga por eles e especialmente por Villar Ponte con quen a nosa correspondencia era asidua. […] constituímos unha filial en Buenos Aires, de cuxos socios son o N.° 70. Reimprimimos o seu manifesto e distribuímolos entre todos os galegos residentes en Arxentina, Uruguai, Chile e Perú.
Nós presentiamos en Orga o milagre redentor de Galicia. Viña a conxugar a idea republicana e democrática con esencias de galeguidade que lle daban á loita política, matices espirituais de gran valor e, sobre todo, orixinalidade. O noso pobo, desde o ciclo dos precursores viña acusando, especialmente nos núcleos intelectuais, unha ansia viva de resurrección, de reencontrarse a si mesmo. Por outra banda, vinculado politicamente ao Estado español, presentía que a República abría o camiño á súa esperanza. Orga, sinalaba con nitidez aquel camiño. Por iso Orga tivo ao seu redor o maior caudal de simpatías populares que xamais tivese en Galicia ningunha organización política. E por iso nós, ao ser consultados, opinamos na VI asemblea nacionalista da Coruña, que o galeguismo debía definirse en sentido republicano, ingresando en Orga para fortificar máis aínda a súa tendencia galeguista. […] Quizais antes do tempo necesario para que Orga se trocase nun gran partido político popular, veu a república, á que sumou a súa simpatía todo o galeguismo: Inmediatamente, Federación Republicana Galega, da que Orga era a súa forza máis vital, convocou a unha Asemblea na Coruña, para estudar un proxecto de Estatuto autonómico de Galicia […]. A Federación de Sociedades Galegas Agrarias e Culturais e Orga de Buenos Aires aceptaron a invitación e, xunto con Alonso Ríos e Sigüenza, nos delegaron para concorrer a aquel comicio celebrado na Coruña o 4 de xuño. O noso mandato era: Soster a máxima autonomía para Galicia e participar na campaña electoral en favor daquel grupo político que fixese artigo principal do seu programa a autonomía rexional e traballar para lograr a unidade das forzas republicanas e galeguistas nun partido político rexional que comezará e terminará en Galicia.
Participei por tres veces naquela asemblea e na súa sesión de clausura envorquei sobre o auditorio as esperanzas fervorosas dos emigrados na República e na autonomía […]. Ao terminar, un cabaleiro co que xamais cruzase unha palabra -o doutor Sal Lence- propuxo ao auditorio que se me propuxese como candidato a Deputado pola miña provincia natal. O público apoiou fervorosamente a proposición e ao outro día, sen que eu falase unha soa palabra con ninguén sobre tal proposición, apareceu o meu nome na candidatura oficial de Federación Republicana Galega. Quen o incluíu, quen intentou logo excluílo, son cousas das cales xamais quixen nin quererei decatarme. A miña aceptación -conmovida e chea de gratitude-ía tácita na miña participación nos mitins electorais como tal candidato. Aquela campaña foi feita sobre un programa que se baseaba nestes dous principios programáticos de Fed. Rep. Galega: República Federal de esquerdas e autonomía de Galicia, coa súa secuela de democracia popular de abaixo para arriba e de todo o índice dos nosos problemas espirituais, políticos e económicos. (12)


Publicado en Suárez Picallo, R.: Selección de textos en galego, edición de P. Viveiro Mogo, E. García López, F. A. Pita Ferández e M. Pérez Lorenzo, Concello de Sada-Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela, 2008.



NOTAS

(8) “Fragmento del primer acto de “Marola””, El Despertar Gallego, 2 de agosto do 1925.
(9) “Manoel L. Freire-Calvelo”, Céltiga, agosto do 1926.
(10) “Noche florentina”, Céltiga, 10 de agosto do 1926.
(11) “De vuelta al hogar. Fragmentos de mi diario”, Céltiga, 25 de maio do 1926.
(12) Carta de Ramón Suárez Picallo a Santiago Casares Quiroga, 31 de agosto do 1933, en Castro, X.: O Galeguismo na encrucillada republicana, vol. 2, Deputación Provincial de Ourense, 1985.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *